Fernando Romay participará no Día do Pequebasket 2014. O ex xogador estará en Carballo o 17 de maio con centos de nenos de toda Galicia
A presenza de Fernando Romay no “2º DIA do PEQUBASKET” supón un novo impulso para o evento organizado pola Escola de Basket Xiria, que xa foi incluído pola Federación Galega de Baloncesto no programa Galicia 2014, Imos pola Copa. O ex xogador, que asistiu en Santiago no acto no que se deu a coñecer o calendario das actividades promocionais da Copa do Mundo FIBA 2014, desprazarase a Carballo o vindeiro 17 de maio para compartir unha xornada de deporte, xogo e diversión con centos de nenos chegados de toda Galicia.
A participación do ex xogador do Real Madrid e da Selección Española de Baloncesto vén a avalar as numerosas xestións que están a realizar a Escola de Basket Xiria e a propia Federación Galega de Baloncesto ante a FEB (Federación Española de Baloncesto), que contan coa colaboración do Concello de Carballo e da Deputación Provincial da Coruña para a organización dunha xornada lúdica na que imperarán o espírito deportivo e a alegría. Máis de 400 nenos de cinco a oito anos de idade celebrarán o Día das Letras Galegas en Carballo con diversas actividades deseñadas especialmente para eles.
Recordarvos que temos disponible a páxina web creada especificamente para o evento, www.diapequebasket.es , na que podedes atopar toda a información sobre a xornada do 17 de maio, o folleto informativo e a ficha de inscrición, aínda que as anotacións deben formalizarse a través da web da Federación Galega de Baloncesto, www.fegaba.com . O prazo continúa aberto ata o día 25, pero xa son numerosos os clubes que teñen confirmada a súa participación.