A Escola de Basket Xiria renova a imaxe do Día do Pequebasket.

GALICIA 2014, IMOS POLA COPA

imaxe pequebasket_galicia 2014_turismo carballo

O evento forma parte do programa de actividades conmemorativas da Copa do Mundo de Baloncesto que se van celebrar en Galicia, baixo o lema “GALICIA 2014, IMOS POLA COPA“.

O  luns día 7, abrirase o prazo de inscrición para os clubes que queiran sumarse á xornada lúdica e deportiva do vindeiro 17 de maio en Carballo. A inscrición será dende a web da FEGABA e tamén da E.B. XIRIA.

Con motivo da celebración da Copa do Mundo de Baloncesto FIBA 2104, a Federación Galega de Baloncesto ten programadas un total de 12 actividades que se enmarcan no proxecto “Galicia 2014, Imos pola Copa”. A Escola de Basket Xiria ten a honra de contribuír a ese programa co “2º Día do Pequebasket”, unha iniciativa que foi pioneira en todo o Estado, e que na súa primeira edición, o ano pasado, acadou un gran éxito de participación.

Nesta ocasión a responsabilidade do club é aínda maior, pero iso non fai máis que reforzar o noso compromiso cunha actividade na que cremos firmemente e que, como demostran os datos do ano pasado, pode ter unha proxección aínda maior. Ese compromiso da Escola de Basket Xiria vaise materializar nun ambicioso programa de actividades que se desenvolverán ao longo de toda a xornada do 17 de maio, coincidindo coa celebración dunha festa tan emblemática como o Día das Letras Galegas.

Unha das novidades que presentamos nesta edición do “2º Día do Pequebasket” é a nova imaxe da actividade, na que optamos por un deseño alegre e colorido que reflicte o significado desta actividade: unha xornada de xogo e diversión, pensada para os nenos e nenas de 5 a 8 anos de idade e aberta a todos os clubs de Galicia.

O vindeiro 17 de maio esperamos reunir en Carballo a máis de 400 nenos procedentes de toda Galicia, e, en consecuencia, a máis de 400 familias que compartirán con nós unha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión que será posible grazas á implicación de institucións como o Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, e á colaboración de numerosas empresas e entidades ás que queremos agradecer publicamente o seu esforzo.

FICHA INSCRICIÓN

INFORMACIÓN PEQUEBASKET