Éxito do “2º DIA do PEQUEBASKET”

O Día do Pequebasket converteu Carballo no punto de encontro de centos de familias galegas.

Fernando Romay exerceu como padriño do evento e repartiu simpatía entre nenos e maiores.

O “2º Día do Pequebasket” foi un éxito en todos os sentidos. Mesmo o tempo se aliou, cun día espectacular de sol e boas temperaturas, para que o evento organizado pola Escola de Basket Xiria en Carballo acadase os obxectivos previstos, tanto en canto a equipos participantes, un total de 42 procedentes de toda Galicia, como a afluencia de público, que superou amplamente as 1.500 persoas. Deste xeito, o evento consolídase como punto de encontro das familias galegas nunha data tan simbólica como o Día das Letras. Como lembrou o padriño do Día do Pequebasket, o ex xogador Fernando Romay, “o deporte tamén forma parte da nosa cultura”.

A presenza de Romay revolucionou Carballo. Chegou pouco despois do mediodía acompañado por membros da xunta directiva da Escola de Basket Xiria e foi recibido polo alcalde, Evencio Ferrero, na Casa do Concello. Despois dunha animada charla, na que o ex xogador confirmou á súa sona de persoa próxima a simpática, realizou unha visita polo centro da vila acompañado tamén polo presidente da Escola de Basket Xiria, Diego Vázquez. Á súa chegada ao complexo deportivo e escolar da rúa Carballo Calero, pola que pasaron milleiros de persoas ao longo do día, Fernando Romay foi recibido como a gran figura do deporte que é, ata o punto de que tardou 20 minutos en conseguir cruzar a porta que o separaban das pistas de xogo interiores. Fotografías, autógrafos e cariñosos saúdos tivérono entretido durante ese breve traxecto.

A actividade foi intensa durante todo o día. Nas sete pistas habilitadas _5 interiores e 2 exteriores_ o baloncesto foi o protagonista, pero co mesmo ambiente de festa e de confraternización que reinou nas atraccións inchables, nos asombrosos xogos populares construídos con materiais reciclados e nos coches a pedais, nos que chegaron a formarse colas. Todas as actividades complementarias da xornada, incluído o concerto do grupo musical Pirilampo, que amenizou a hora do xantar, estiveron moi concorridas durante todo o día, tanto polos nenos dos equipos participantes como por todos os que se achegaron dende diferentes puntos de Bergantiños. O obxectivo de converter o Día do Pequebasket nun punto de referencia a nivel comarcal tamén se acadou nesta segunda edición.

Os clubes participantes destacaron a boa organización da xornada e, sobre todo, o ben que o pasaron os nenos, que gozaron da parte máis lúdica do deporte e tiveron a ocasión de compartir xogos, conversas e comida ao aire libre con “futuras estrelas do baloncesto”, como as definiu Fernando Romay, chegadas das catro provincias galegas. O padriño do Día do Pequebasket foi o encargado de pechar o acto tras a entrega de medallas aos preto de 500 nenos participantes e de recordos conmemorativos a todos os equipos. Con el estiveron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e outros membros da corporación municipal; representantes dos concellos de Santa Comba e A Laracha, así coma da Deputación Provincial da Coruña; o presidente e o tesoureiro da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín e Ricardo Méndez; representantes do mundo do deporte e o presidente da Escola de Basket Xiria, que agasallou ao convidado de honra cunha equipación do clube feita á medida dun dos grandes da historia do baloncesto español.

Fernando Romay agradeceu o xesto, igual que agradeceu a implicación de institucións, entidades e empresas para facer posible un evento que xa é un referente no calendario deportivo galego e que pretende selo tamén a nivel estatal.