A festa anual que organiza a Escola Basket Xiria para nenos e nenas de 5 a 8 anos podería contar por primeira vez con equipos de fóra da comunidade galega
Presentado o cartel anunciador da terceira edición, cun deseño moi colorista de inspiración circense e que inclúe algúns dos símbolos da vila de Carballo
Estade atentos ás novas da web do Pequebasket www.diapequebasket.es
Carballo, 18 de marzo do 2015. O equipo organizador do 3º Día do Pequebasket está metido de cheo na programación da xornada lúdica, festiva e deportiva que se celebrará o vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. Arturo Ferraces, director deportivo da Escola Basket Xiria, e Marcos Díaz Molk, membro da xunta directiva, mantiveron unha reunión na Federación Galega de Baloncesto que resultou moi frutífera. Na xuntanza, na que participaron o presidente da Fegaba, Francisco Martín; a secretaria xeral, Susana Fernández, e as responsables de eventos e prensa, a Federación expresou o seu total apoio á iniciativa, considerada xa como un evento de referencia autonómica que mesmo está sendo imitado en outros lugares de dentro e fóra de Galicia.
Precisamente, dado o éxito e a repercusión que tivo o 2º Día do Pequebasket, nesta terceira edición barállase a posibilidade de contar con equipos de fóra da comunidade autónoma e incluso procedentes do Norte de Portugal. Polo momento, a Fegaba está completamente implicada e decidida a colaborar coa Escola Basket Xiria para impulsar a actividade, que novamente reunirá en Carballo a centos de nenos de 5 a 8 anos para desfrutar dunha xornada multideportiva, lúdica e festiva co baloncesto como pano de fondo.
Por outra banda, xa está na rúa o cartel do 3º Día do Pequebasket, cun deseño totalmente diferente ao das edicións anteriores. Nesta ocasión optouse por un cartel moi colorista e de inspiración circense e festiva, na que se utilizan elementos presentes en todos os parques de atraccións como soporte e ao que se incorporan, como parte da paisaxe, elementos singulares da arquitectura carballesa, coma a casa do Concello, e mesmo do skyline, coma o depósito de auga.
Aquí podes ver o vídeo da edición do ano pasado
MÁIS INFO EN: