Xa son 21 os equipos inscritos para o Día do Pequebasket

O prazo rematará o vindeiro día 29 de abril

Carballo, 15 de abril do 2015.  A día de hoxe xa hai 21 equipos inscritos para o Día do Pequebasket, o que indica que este ano poderíamos bater un novo récord. A Escola Basket Xiria espera reunir o vindeiro 17 de maio en Carballo a máis de 500 nenas e nenos de 5 a 8 anos de idade, que gozarán xunto ás súas familias dunha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión. Ao mesmo tempo que seguen a chegar solicitudes de participación, o equipo organizador do Día do Pequebasket avanza na programación dos distintos apartados da actividade, que ten un marcado carácter familiar e que supón, ao mesmo tempo, unha homenaxe do baloncesto carballés ao Día das Letras Galegas.

O prazo de inscrición rematará o día 29, e as solicitudes poden tramitarse a través da páxina do evento:  www.diapequebasket.es . Nesta terceira edición non descartamos a posibilidade de contar con equipos de fóra da comunidade autónoma e incluso procedentes do Norte de Portugal, dado que o Día do Pequebasket de Carballo empeza a ser unha cita de referencia máis alá de Galicia.

A Escola Basket Xiria agradece a implicación do Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, así coma de todos os patrocinadores e colaboradores que tan boa acollida están dispensando ao Día do Pequebasket.

diptico A4_dia pequebasket_exterior